Sunday 28 de April de 2024

A Deputación pecha o ano 2014 coa implantación da súa sede electrónica nos concellos da provincia


Os últimos concellos en sumarse á plataforma telemática que ofrece gratuitamente a institución provincial foron Coirós, Dodro e Toques

A Deputación da Coruña pecha o ano 2014 coa implantación da administración electrónica na provincia completada. Iso significa que os 84 concellos adscritos a este servizo aprobaron xa toda a tramitación e deles 75 xa teñen totalmente dispoñible para o cidadán a súa sede electrónica, co que se cumpren os obxectivos marcados para este ano.

As últimas sedes en poñerse en marcha foron as de Coirós, Dodro e Toques e polo tanto só quedarían nove municipios por levar á práctica este servizo que ofrece a Deputación de xeito gratuíto a todos os concellos que reciben o seu soporte técnico.

Este plan, que comezou en xullo de 2012, permite un importante aforro económico e de tempo, así como unha maior axilidade á hora de facer xestións. Mediante a acreditación con DNI ou certificado electrónico, pódense consultar expedientes, obter volantes de empadroamento ou presentar calquera instancia ou solicitude a través do rexistro electrónico, entre outras actuacións, durante as 24 horas os 365 días do ano.

Conséguese así unha oficina “sempre aberta”, segundo asegurou o presidente da Deputación, Diego Calvo, satisfeito de ter conseguido unha “administración máis aberta aos cidadáns, máis áxil e ordenada e, en definitiva, máis eficaz e eficiente”.

Aforro de máis de 14 millóns de euros
A Deputación da Coruña investiu 177.000 euros nesta plataforma electrónica, o mesmo custe que tería individualmente para cada un dos concellos crear a súa propia ferramenta informática. Isto suporía un gasto de máis de 14 millóns de euros no conxunto dos 84 municipios adheridos, polo que se pode afirmar que a posta en marcha desta sede por parte da Deputación da Coruña supuxo un aforro de 14 millóns de euros.

O primeiro municipio e dispor deste servizo foi o de Mugardos, o 9 de xullo do ano 2012, e dende entón foise ampliando a plataforma ata os 75 actuais, ademais de dous consorcios, As Mariñas e o provincial contraincendios.

Ao longo deste ano 2014 recibíronse 170.000 visitas de ata 80 países do mundo, o que demostra a utilidade desta aplicación.

Novos obxectivos
En paralelo a esta actuación, a Deputación dispón doutras liñas de actuación como o proxecto de implantación do sistema de xestión de expedientes na administración local AL-SIGM superándonse ao longo de 2014 os 110.000 expedientes con 350.000 documentos asociados, dos cales un 20% se firman electronicamente na plataforma.

Por outra banda, como consecuencia da Lei de Transparencia 19/2013, a institución provincial tamén está traballando na elaboración dun Portal de Transparencia que organiza a información que a administración debe facilitar ao cidadán. En abril de 2014 lanzouse o novo portal da Deputación, integrada á sede electrónica, o que supón unha garantía xurídica adicional.

Do mesmo xeito, e dentro da filosofía da Deputación de axudar a cada un dos concellos da provincia, ofreceuse esta mellora aos gobernos locais e actualmente xa están desenvolvéndose 14 portais municipais, dos que 4 están publicados. Preténdese rematar este traballo ao longo do ano 2015